Wednesday 24 de April de 2024

A Asociación Cultural Prudencio Romo organiza o domingo 7 de xullo unha Romaría Musical no campo da festa de San Roquiño


 

A Agrupación Cultural Prudencio Romo organiza a primeira edición da Romaría Musical, que terá lugar o domingo 7 de xullo no campo da festa de San Roquiño (Tállara-Lousame). Un evento que foi presentado esta mañá pola presidenta da asociación, Isabel Núñez, e a concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafojo.

Esta Romaría Musical suporá a posta de largo da nova directiva da Agrupación Cultural Prudencio Romo, polo que o seu principal obxectivo “é que nos coñezan e que haxa máis rapaces interesados pola música en Lousame”, explicou Isabel Núñez, quen apuntou que “a Romaría consiste en xuntarnos todos os nenos da banda de música, os de agora e os que están por vir, pero tamén invitar aos que queiran unirse e captar novos socios, pois non temos moitos nenos”.

A Romaría Musical contará coas actuacións da Banda de Música de Lousame e do grupo O Son do Pote, que dará paso a un xantar de confraternidade no campo da festa de San Roquiño a base de empanada, churrasco e polbo, con sobremesa, café e bebidas. As entradas para o xantar están xa á venda na taberna “A do Panadeiro” (Sanguiñal) a un prezo de 30 euros adultos e 15 euros nenos e nenas de 4 a 12 anos.

A Romaría Musical conta coa colaboración do Concello de Lousame, así como da parrillada Lousame, o bar Tio Manolo, o café-bar “O” Andreiña, AG Legal Abogados, Trisquel e Vieltro.